12.31.2005 

Feliz 2006

Feliz aninovo a todos! Achégase un 2006 moi prometedor e ó mesmo tempo incerto no tocante a actualidade informática e especialmente no que respecta a este mundo tolo dos ordenadores Apple.

En cuestión de dez días podemos ter a primeira gran novidade coa vindeira Keynote na cal, segundo ós rumores, o amigo Jobs podería presentar os primeiros Mactels (ou MacIntels, ou xa veremos que denominación remata por imporse, polo de agora eu quédome coa primeira). Nos primeiros días do ano que ven a actualidade vai estar centrada neste esperado evento e tentarei estar ó tanto dos principais rumores que vaian xurdindo, algúns deles cumpriranse, outros quedaran no tinteiro (ou gardados para a seguinte keynote), aparecerán os xa míticos fakes (algúns deles auténticamente bizarros, pero outros tan apetecibles como irreais).

Pero esta keynote só será o comezo. O ano 2006 será o da transición a Intel, o da posible presentación de Leopard e de moitas outras novidades que agora mesmo nin imaxinamos.

Será tamén o primeiro ano desta humilde bitácora na rede, que polo de agora está a dar os seus primeiros pasos, ogallá poida mellorala e coa experiencia vaia gañando en contidos e interese.

Vémonos, e como xa dixen, feliz aninovo a todos!

12.30.2005 

Diferenzas entre Web 2.0 e Web 1.0

Para os que sigan a ter dúbidas...






Web 1.0


Web 2.0

máis claro, auga!


Visto en Microsiervos.

12.26.2005 

¿O Firefox da música ou... o plaxio do século? Verémolo.

Está por ver, pero dende logo pode aveciñarse unha nova polémica con Apple de protagonista e unha interface de por medio. Só que a outra parte non é nesta ocasión a empresa informática máis poderosa do planeta, senón unha empresa formada por cinco programadores.

Os usuarios de Mac o moitos usuarios de Windows levamos tempo desfrutando de iTunes, que posiblemente é o mellor reproductor musical dispoñible a día de hoxe. A súa calidade ven da man dunha interface limpa e sinxela, que facilita o seu manexo dende o primeiro momento. Se lle encargamos a organización da música que temos no noso disco duro non pode ser máis eficiente, facendo que incluso o usuario máis desordeado acabe tendo a súa biblioteca de música perfectamente organizada por albumes, autores, xéneros, etc.

Sen embargo, hai dúas críticas que se lle poderían facer, a primeira e que non sexa software libre e a segunda que a única tenda de música a que nos permita acceder sexa iTunes Music Store.

Atendendo a estas críticas, un grupo de programadores, liderados por Rob Lord, decidiuse a crear unha compañía e comezar a desenvolver unha alternativa libre para este programa. Segundo eles afirman, "iTunes é coma Internet Explorer, se Internet Explorer só puidese navegar por Microsoft.com", "encántanos Apple, e apreciamos e agradecemos que estableceran un listón en termos de usabilidade, pero é inevitable que a estructura do mercado cambie ó mesmo tempo que éste madura". Precisamente de ahí ven o nome da nova compañía, Pioneiros do Inevitable. Ambición, dende logo, non lles falta.

Pois ben, a criatura xa está case lista para ser presentada en sociedade, e a comezos de 2006 está previsto o lanzamento da primeira beta de Songbird. E para ir quentando o ambiente, veñen de amosar as primeiras imaxes... e de provocar con elas unha certa sensación de estupor.

No seu estado actual, a interface de Songbird é prácticamente idéntica á de iTunes, de feito semella ser tan só iTunes cunha skin diferente. Isto fixo que as críticas comezasen a chegar dende tódolos recunchos.

Eles afirman que empregan esta interface porque é realmente boa, pero que a diferencia de iTunes conta coa vantaxe de que pode ser modificada grazas ó emprego da tecnoloxía XML User Interface Language, que entre outras cousas tamén abre as portas á creación de extensións que poden engadir novas características ou permitir acceder a novas tendas online. Dalgún xeito estariamos a falar da aplicación da filosofía Mozilla a un reproductor musical.

Se realmente é así, e todo o que promete remata por cumprirse, será un dos lanzamentos estelares de comezos do ano vindeiro (e coa vantaxe de ser multiplataforma, co cal os linuxeiros tamén estarían convidados), algo así coma foi o Firefox en 2004.

De calquera xeito, penso que hai que ter unha certa prudencia, xa que a realidade é que hoxe en día iTunes non é un programa "queimado" coma era Internet Explorer en 2004, máis ben todo o contrario, está comezando a entrar con forza no mercado Windows e ten un dominio case absoluto do mercado Mac.
Tampouco podemos esquencer que Firefox quixo diferenciarse dende o primeiro momento de Internet Explorer, e iso foi a súa vía inicial cara ó éxito. Coido que Songbird dende este punto de vista entrou con mal pe, dando unha primeira impresión de plaxio case cómico do iTunes. Certo é que prometen novidades moi atractivas, e polo tanto haberá que darlles unha marxe de confianza.

Queda pouco para o lanzamento da primeira beta, así que non tardaremos en ver se cumpre ou non as expectativas. Por certo, se alguén está interesado e dispón de tempo suficiente (a verdade e que non teño nin idea de cánto tempo pode supor), falta un equipo de traducción ó galego deste programa.

12.24.2005 

Bo Nadal

12.23.2005 

Un inocente xogo...

... nada máis.

¿Ou qué pensabades?

 

Sabía que este día ía chegar...

Resistíase a quedar baixo terra, o Pac-Man está máis vivo que nunca e invade a Universidade de Michigan!

Boísimo, visto en Microsiervos.

12.21.2005 

Xa está aquí o dominio ".cat"... ¿para cándo o ".gal"?

Máis alá de opinións políticas, coido que a iniciativa de outorgar un dominio propio na rede de redes ós sitios web de lingua e cultura catalás é moi positiva. Dende xa é posible acceder ás primeiras páxinas rexistradas baixo este novo dominio, coma a da fundació.cat. De seguro que non tardarán en xurdir moitas máis, aínda que o proceso só acaba de comezar.

Hai poucos meses, cando se confirmou a concesión deste dominio, o goberno galego deixou ver que tamén estaban interesados en obter para a nosa lingua e cultura un espazo propio na rede. Ogallá que realmente se estean movendo os fíos, porque aínda que non teñamos estado propio, ou mesmo sexamos ou non sexamos nación (cadaquén terá a súa opinión), o que é inopinable é que temos unha cultura e unha língua que debemos protexer e manter, e un dominio propio na rede é un xeito coma outro calquera de diferenciarnos que a ninguén lle ten que molestar, e supoño que a ninguén lle molesta. O único obxectivo dun dominio como o .cat ou o hipotético .gal (.gz non é posible, xa que os dominios de dous caracteres son exclusivos para os estados) sería o de resaltar a nivel global a existencia dunha realidade cultural e lingüística que está ahí, e que decididamente ten que estar presente cada día en máis eidos.

O que non teño claro é que Galiza teña o interese que Cataluña tivo para obter ese dominio, de feito non coñezo ningún tipo de asociación coma a que dende Cataluña empurrou para obter ese éxito que hoxe comeza a facerse realidade.

Quede claro que non quero entrar en ningún tipo de polémica con este post, este blog non é un blog de opinión política. Simplemente expoño o meu parecer e plantexo unha dúbida... ¿sabedes se se está a facer algo ou se existe algún tipo de iniciativa a prol da obtención dun dominio para a lingua e cultura galegas?

12.20.2005 

O agardado iPhone sairá o ano que ven...

... segundo afirma a consultora Morgan & Stanley nun informe sobre Apple no cal afirma tamén que a compañía da mazá vai realizar durante 2006 lanzamentos relacionados ca "digital living room", e dicir, dito doutro xeito, seguirá afondando no vieiro que ven de abrir co lanzamento do novo iMac G5 e con FrontRow, aplicación que facilita o manexo do contido multimedia que temos no noso disco duro.

No referente o iPhone, sería a súa segunda incursión no sector da telefonía movil, aínda que esta vez o faría en solitario, xa que actualmente a súa presenza viu da man de Motorola, incorporando o software iTunes no seu modelo ROKR.

12.19.2005 

Un adianto do Office Online: Writely

Como saberedes, hai semanas Microsoft deu a coñecer a súa intención de lanzar unha versión de Office que estivera dispoñible dende a web, e que de feito podería ser usada de balde a cambio de soportar publicidade. As aplicacións web están cada día máis á orde do día, aínda que a aposta de Microsoft parecía difícil de crer, xa que se afastaba do que ven sendo a súa concepción tradicional do negocio de software.

Os de Redmond, sen embargo, non serán pioneiros neste novo camiño que comeza a debullarse (¿Qué sorpresa, verdade?). Sen ir máis lonxe, hoxe en día existen suites ofimáticas completas que se poden usar doadamente dende o noso navigador, coma ThinkFree Office Online. Sen embargo, ó meu xuízo, e malia ser posiblemente a alternativa máis madura ten un claro inconvinte, precisa de Java para o seu funcionamenteo, o cal ralentiza moitísimo o seu uso. A min cando menos decepcionoume e non me parece que sexa demasiado práctico.

O meu concepto sobre a viabilidade da ofimática online mudou grazas a Writely. Non é unha suite ofimática, é tan só un procesador de textos, pero permítenos alviscar un pouco que é o que nos agarda nun futuro non moi lonxano.

Ó contrario que ThinkFree, non teremos que descargar previamente ningún programa ó noso ordenador, todo se pode facer directamente dende o navigador e a unha velocidade semellante á que teñen as aplicacións de escritorio. Temos tódalas ferramentas para editar o texto, darlle formato e mesmo obter unha vista preliminar. En definitiva, ás características básicas e que máis se empregan nos procesadores de textos coma Word ou OpenOffice.org.

Amáis disto, podemos subir documentos nos formatos destes últimos procesadores para editalos dende Writely, e se temos que deixar a máquina na que nos atopamos para seguir dende outra, podemos esquencernos de levar o documento en ningún tipo de soporte físico. Alá onde haxa unha conexión á Internet, teremos á nosa disposición a conta de Writely para seguir traballando. De calquera xeito tamén poderemos gardá-los arquivos no noso disco duro, e inclusive facelo en formato PDF.

Outras opcións moi a ter en conta son a posibilidade de publicar no noso blog dende Writely, de enviar correos electrónicos ou realizar a revisión ortográfica... aínda que por agora só conta con esta opción para a língua inglesa. Tamén é salientable a realización de copias de seguridade cada dez segundos, moi práctico para rematar co pesadelo de perder tódolos nosos datos de súpeto e sen poder facer nada... con Writely, esa preocupación desaparece.

Agora ben, non todo van ser vantaxes, e sobre Writely e as demáis alternativas neste segmento emerxente pesan moito as supostas ameazas á privacidade que supon deixar os nosos datos a cargo dunha empresa privada. Ocorre o mesmo con Gmail, e en xeral con boa parte dos expoñentes desa denominada Web 2.0, que ninguén é capaz de definir pero que todos sabemos cándo nos atopamos ante ela.

¿Merece a pena este risco? ¿É absolutamente seguro deixar os datos na rede? Os responsábeis de Writely garanten que ninguén poderá acceder os datos a non ser que ti o convides a facelo, e aseguran tamén que ningún buscador poderá incluílos na súa base de datos. Ó mesmo tempo, os documentos, como xa dixemos antes pódense gardar en local para evitar desconfianzas.

Haberá que ver se este tipo de medidas son suficientes, seguramente non para que Writely triunfe, pero é moi probable que con Microsoft no terreo de xogo a ofimática online acabe tendo éxito. Coma sempre, chegarán tarde. E coma sempre, teñen tódalas cartas para arrasar á competencia.

12.18.2005 

Bill e Melinda Gates, xunto con Bono, persoeiros do ano 2005 para a revista TIME

Coma tódolos anos, a revista Time outorga a súa derradeira portada do ano, ó persoeiro que, ó seu xuízo, tivo un maior protagonismo durante os 365 días anteriores. Neste caso, ós elixidos son o matrimonio Gates e Bono, líder de U2. A publicación estadounidense quixo ter en conta a actividade filantrópica realizada por éstes a prol da erradicación da pobreza no mundo.

Máis alá da actividade empresarial e do pouco ético de moitas decisións que marcaron a historia e a actividade de Microsoft, creo que as donacións e os traballos realizados pola fundación dirixida polo matrimonio Gates son indiscutíbeis, e se pode aceptar que dende ese punto de vista este recoñecemento non deixa de ser merecido. De tódolos xeitos, todo é discutible e de seguro que xurdirán numerosas voces discordantes.

Eu creo que antes de nada sería interesante lembrar o significado deste "galardón oficioso". O persoeiro do ano, ó contrario do que moitos cren, non é un título honorífico, nin pretende premiar os "heroes" das sociedades contemporáneas. Sinxelamente pretende destacar ó persoeiro que, segundo os reponsábeis de Time, tivo unha maior influencia, sexa ésta para ben ou para mal. Só así se explica a presenza de "persoeiros do ano" coma Adolfo Hitler ou Joseph Stalin, por exemplo.

12.17.2005 

Microsoft rematará definitivamente ca versión Mac de Internet Explorer

Segundo podemos ler en faq-mac , Microsoft cesará definitivamente o soporte para a versión Mac do seu navigador. A nova non causa unha gran sorpresa, xa que os planos de Microsoft xa foron anunciados hai meses, pero é agora cando se concretan definitivamente. Polo de agora, en calquera caso, aínda segue a disposición no seu sitio web.

Se esta nova se dera hai un par de anos, seria un dos golpes máis duros para Apple. Explorer era a única alternativa sólida para moverse pola web, a pesares das súas limitacións. Firefox era só un proxecto ambicioso, pero nada máis, e Safari estaba apenas abrindo os ollos.

Hoxe, sen embargo, a situación é moi distinta, Firefox e Safari son dous navigadores sumamente avanzados, con soporte de estándares case perfecto, e co compromiso de seguir avanzando neste camiño, que contan con tódalas opcións de navigación que hoxe son case imprescindíbeis, coma pestanas, buscador integrado, bloqueador de pop-ups, lectores de rss e outros formatos de sindicación de contidos, posibilidades de ampliacións mediante plugins e extensións, etc. Tamén Opera está neste momento a un moi bo nivel, aínda que a miña experiencia persoal dime que o seu rendemento en Mac está por baixo do destes dous...

O que está claro é que neste contexto o avellentamento de Internet Explorer era cada día máis difícil de disimular, e Microsoft so tiña dúas opcións: desenrolar unha nova versión para esta plataforma ou aceptar a realidade e recuar disimuladamente. Optou pola segunda, seguramente consciente de que o seu navigador está tendo suficientes problemas na súa propia plataforma coma para lanzarse á aventura nun medio moito máis hostil como é o entorno de Apple.

Se xa están a ver como cada día máis usuarios de Windows comezan a apostar por Firefox ou Opera, ¿que non vai pasar no mundo Mac, cando boa parte dos seus usuarios teñen abundantes prexuízos (moi xustificados, seguramente) cara a calquera producto co selo do xigante de Redmond?

Definitivamente chegou a hora de dicirlle adeus a un dos programas clásicos das etapas máis escuras da empresa da mazá. Os novos navigadores representan algo máis que un simple cambio xeracional, poden estar representado o comezo da fin da "subordinación" de Apple a Microsoft. Aínda que hai un obstáculo por diante moi superior a este, e chámase Microsoft Office.

¿Será a anunciada apertura de formatos por parte de Microsoft unha vía de escape válida para superar este obstáculo?

12.16.2005 

Computer Chronicles: nostalxia informática

Supoño que moitos coñeceredes Archive.org, pero para aqueles que non pódovos dicir que é unha especie de bazar chinés onde podedes atopar todo tipo de curiosidades, dende unha selección de clásicos do cinema ata unha auténtica máquina do tempo da world wide web, ca cal podedes visitar a meirande parte dos sitios da Internet e ver como eran hai anos.

Entre esas curiosidades, atópanse tódolas entregas de Computer Chronicles, programa de televisión emitido entre 1983 e 2002 e centrado na informática persoal, que vivíu toda unha revolución durante estes anos. É realmente interesante observar case dende a súa xénese o ascenso e caída de Apple, a transformación de Microsoft de pequena/mediana compañía a xigante monopolista, a perda de peso de IBM, a chegada das interfaces gráficas, a existencia de plataformas que foron caendo en desgracia, como amiga ou spectrum, etc.

Nesta páxina, concretamente, tedes un buscador para que non vos perdades entre esos centos de programas. Nalgúns casos, hai ata traduccións a outros idiomas, o cal é de agradecer.

E moi interesante concretamente este episodio, no cal fan unha completa revisión do primeiro Mac, e tentan respostar a preguntas tan interesantes como ¿será posible unha interface gráfica para PC? En realidade, descarguei programas tan distintos coma a presentación de windows 95, a volta de Jobs a Apple e a presentación do primeiro iMac ou o lanzamento de Mac OS X.

Dende logo, para os veteranos, e tamén para os que por idade non puidemos vivir esa apaixoante etapa conscientemente, é unha saborosa dose de doce nostalxia. É recomendable que volos baixedes, deste xeito teredes unha fantástica colección, case unha enciclopedia visual da historia da informática persoal.

Saúdos!



12.15.2005 

¿E se a Apple lle dese polas torradoras?

Se cadra veriamos algo coma esto:


[foto de la noticia]


Segundo o Gadgetoblog de elmundo.es, estamos ante tecnoloxía punta no sector das torradoras, e se non me credes comprobádeo vos mesmos:

  • "La ha diseñado Jasper Morrison y es inteligente –bueno, dejémoslo en que es más inteligente que otras tostadoras del mercado-. Es capaz de tostar a la perfección dos rebanadas gracias a un fotosensor que vigila el color de la superficie del pan pero esconde mucho más secretos. Por ejemplo, todos los controles son superficies táctiles sobre las que sólo es necesario deslizar el dedo y tiene luces LED de varios colores para indicar su estado de funcionamiento.Es también la primera tostadora que conozco que no obliga a las tostadas a dar un salto mortal cuando están hechas. En vez de el tradicional mecanismo de resorte viene con un sistema de ascensión controlada que eleva las tostadas suavemente, justo como mí me gusta. El colmo de la exquisitez: la parte superior es de acero y mantiene la temperatura del pan hasta que se retira de la ranura." (elmundo.es)
Pois xa sabedes, por 113 € (ouch!) xa tedes agasallo para este Nadal.

Iso si, aínda non aclararon se sairá con intel ou con ppc ;-P .


 

OpenOffice: ¿Qué é o que está pagando a Xunta?

Non hai moito tempo, en páxinas como Barrapunto puidemos ler que o Goberno galego licitara, tras un concurso público, a traducción de OpenOffice á nosa língua. O investimento suporalle ó executivo (ou mellor dito, a todos nós) 140000 €.

Sen dúbida, a primeira reacción cando lemos isto é necesariamente positiva. Que o goberno aposte pola incorporación do galego ás novas tecnoloxías é positivo, e non o é menos que o faga especialmente no que respecta ó software libre. E máis tendo en conta que isto permitirá reducir a dependencia que seguramente existe de Microsoft tralo pacto para a traducción de Windows e Office.

Cando lin a nova tamén tiven esta mesma reacción, sen embargo de seguido lembrei a existencia dun proxecto para a traducción de OpenOffice ó galego inciado pola comunidade do software libre. Nese momento non tiña instalado OpenOffice e non comprobei se ese proxecto seguía en marcha, polo que supuxen que puido ter sido cancelado.

Sen embargo, hai uns días necesitei dun bo editor de ecuacións e tras comprobar as carencias do incluído con Office decidín baixar o OpenOffice para ver se era mellor (é bastante mellor, por certo, polo menos neste apartado gaña OOo). Como non teño X11 instaladas, descarguei NeoOffice, que non é máis que o port a Aqua de OpenOffice.

Sempre que descargo software libre, comprobo se existe unha traducción ó noso idioma, e aínda que non tiña moitas esperanzas descubrín que efectivamente, existía unha traducción de NeoOffice ó galego. Era a mesma que a de OpenOffice, en realidade, só modificada para ser usada nesta versión nativa do programa.

Pois ben, só podo dicir que é unha das traduccións máis completas que tiven oportunidade de ver, agás a axuda (que tampouco Microsoft traduciu no seu sistema), a suite informática está totalmente traducida. Dende o máis agachado dos menús, ata as fórmulas da folla de cálculo.

E quero lembrar que estamos a falar de toda unha suite ofimática, con todo o traballo que a traducción dun programa destas características supón. Aquí tedes unha imaxe que amosa con claridade a calidade da traducción:



Pois polo que parece a Xunta vai investir 140000 € para obter algo que xa temos, e seguramente dende hai bastante tempo, de balde e grazas ó esforzo de usuarios anónimos.

¿Alguén sabe se realmente isto non é o único que se vai facer, e os cartos van tamén destinados a outros proxectos? Porque de non ser así, penso que se trata dun exemplo máis de despilfarro por parte dun goberno que decide reinventar a roda.

Por certo, este proxecto foi planificado polo derradeiro goberno Fraga e executado polo novo goberno. Ninguén está libre de pecado, polo que parece.

Saúdos!

12.14.2005 

Virtue, xa temos o que nos faltaba...

... de KDE ou Gnome. E é que unha das grandes vantaxes destas interfaces UNIX eran os escritorios virtuais, ou o que é o mesmo, a posibilidade de dividir o noso escritorio en catro (ou máis).

Virtue Logo

Clickando nos botóns da barra de ferramentas pasabamos dun escritorio a outro, de xeito que nun podiamos ter abertas, poñamos por caso, as ventás do navegador, noutra un procesador de textos, ou noutra estar reproducindo un video. E todo iso sen interferir as ventás dunhas aplicacións cas de outras nin incomodarnos o máis mínimo.

Seguramente cando moitos linuxeiros pasaron a OS X botaron en falla esta propiedade no seu novo e flamante escritorio Aqua. Pois ben, Virtue é o programa que nos permite rematar definitivamente con esta carencia.

Virtue é un programa libre que unha vez iniciado colócase na nosa barra superior e facendo click nesa icona podemos pasar doadamente dun escritorio a outro. Pero non só é cómodo, tamén é ideal para deixar abraiado ó persoal, xa que para efectuar as transicións entre escritorios fai uso de todo o potencial gráfico do noso sistema.

Os que sabedes como é o troco rápido de usuario entenderedes perfectamente do que estou a falar, con ese cubo en 3D que xira para amosar o escritorio do novo usuario. Virtue ten, amáis desta, outras varias animacións sorprendentemente áxiles e fluídas.

A verdade é que entre Virtue, Exposé, Dashboard e outras aplicacións coma Quicksilver traballar cun mac estase a parecer cada día máis a facelo ca computadora de Tom Cruise en Minority Report, con ventanas que se moven continuamente dun lado a outro ;-P.

Sen embargo, a parte positiva é que isto non é tan só efectismo barato, sabendo sacarlles partido a todas estas ferramentas son verdadeiramente productivas e permítennos traballar máis comodamente. Supoño que todos concordaremos en que Exposé, por exemplo, aporta moito máis que unhas animacións impresionantes, ¿verdade?

En definitiva, un programa moi interesante que non podo deixar de recomendarvos. Podédelo descargar dende aquí.


12.13.2005 

Google Earth xa dispoñible!

Eu creo que para comezar é unha das mellores novas dos últimos tempos; Google Earth, o programa gratuito que nos permite "sobrevoar" o planeta e achegarnos ós recunchos máis afastados dende o noso ordenador acaba de estrear versión para OS X. Tratase todavía dunha versión beta, pero é totalmente funcional, malia que Google non tiña previsto "soltala" na rede ate o de agora (semella que alguén lla xogou ó xigante de Internet).

En canto ó rendemento, polo que parece é bastante bo, aínda que inferior o que amosa nos PC´s máis potentes (quizais a versión final sairá máis optimizada). As miñas probas nun iMac G5 foron moi positivas, o programa móvese ben e rápido, e só se ralentiza algo (moi pouco) cando achegamos moito a vista e cambiamo-la perspectiva.

¿Requisitos mínimos? Non hai requsitos mínimos "oficiais", xa que non hai versión oficial polo de agora, pero podedes facervos unha idea se vos digo que usuarios de máquinas G3 foron quenes de executalo, aínda que como suporedes cun rendemento bastante pobre. Outra cuestión é o sistema operativo: o programa só funciona en Tiger.

Máis alá de requirimentos ou rendemento, Google Earth e unha caixa de sorpresas, sobre todo para os que coma min apenas puideramos probalo durante un intre no PC. Agora, con tempo para investigalo, descubrín algunha que outra curiosidade, xa que o noso planeta está cheo delas.

Por certo... ¿cal e o criterio que segue para decidir a importancia dos resultados dunha busca? En caso de dúas localidades do mesmo nome, ¿a cal nos leva Google Earth?

O primeiro critero... á que estea en Estados Unidos (porque non me sorprende? XD).

O segundo... que alguén mo explique! ¿A ónde che leva o programa se queres ir a Vigo? Pois... ahí o tedes:




Con todo o respeto para o Concello asturiano, creo que é difícil de comprender que sexa o primeiro criterio cando buscas "Vigo, Spain". Cando menos é curioso.

Bueno, que saibades que o programa volo poderedes descargar de: http://rapidshare.de/files/8860896/Google_Earth.zip.html

E por último ahí tedes unhas capturas do programa, para que vexades que a súa sensacional potencia: a primeira é unha perspectiva do país (as zonas escuras son aquelas que teñen as imaxes máis próximas, e como vedes aínda faltan Ourense, Lugo, Santiago, Ferrol...), e logo tedes unha captura do Orzán na Coruña e outra de Balaídos preparado para o derbi do Sábado ;-P.








Saúdos a todos e seguímonos lendo!

 

Ola, mundo!

Saúdos a todos os que leades este primeiro post. Tras moito tempo ollando como un parvo os blogs de medio mundo, creo que chegou o momento de atreverme a ter o meu propio blog. Non é que pretenda gran cousa, pero vou tentar que sexa un blog activo e ogallá se convirta nunha visita frecuente para moitos dos que estades a ler estas liñas.

Como usuario de mac sigo con interese a información sobre esta plataforma minoritaria, e decateime da escaseza de información dispoñible en galego (Non hai moita información en castelán tampouco, aínda que existen unha serie de páxinas de interese, cando teña tempo engadirei unha serie de links) e gustaríame aportar o meu humilde grao de area para cubrir ese oco.
Por suposto o máis salientable da actualidade informática tamén terá cabida aquí, e se cadra outras cuestións de carácter moi distinto. Xa se sabe, unha cousa é como empezas e outra moi distinta como rematas!

Non pretendo convertir este blog nun xornal sobre o mundo mac, nin moito menos, pero agardo telo o máis actualizado que poida e gustaríame que tivera movemento, que a xente se animase a comentar, etc. Aquí tentarei facerme eco de tódalas novas, rumores (imprescindibles falando de Apple) e curiosidades que vaian xurdindo.

É o meu primeiro blog, así que polo de agora non sexades moi esixentes :D , e facede tódalas suxerencias que queirades, prometo telas moi en conta.

Se cadra este Nadal aproveito para mellorar o aspecto do blog e persoalizalo na medida do posible, que supoño que así ten un aspecto demasiado básico.

Por agora nada máis, saúdos e a ver se vos gusta!